Sunday 28 de April de 2024

O PSOE de Trazo lamenta que o alcalde se opoña a crear unha comisión de seguemento que verifique a paralización definitiva da planta de tratamento de escorias de Campo


Os socialistas denuncian que o alcalde despediu á asesoría xurídica do Concello, argumentando problemas de orzamento e incompetencia, e despois contratou un novo servizo que custa o triplo

O PSOE de Trazo lamenta que a negativa do alcalde Xosé Dafonte impida a creación dunha comisión de seguemento que verifique a paralización definitiva do proxecto para instalar unha planta de tratamento de escorias na parroquia de Campo (Trazo). “Os socialistas de Trazo votamos a favor da moción presentada polo BNG porque consideramos que esa comisión de seguemento é necesaria xa que o proxecto de instalar unha planta de escorias en Campo está parado debido á forte reacción veciñal, pero non está acabado, polo que é necesario estar vixiantes”, explica a voceira municipal socialista, Beatriz Domínguez.

Os socialistas pediron que constase en acta a argumentación de Dafonte sobre a primeira reunión mantida cos veciños afectados, xa que dixo que “os veciños non se informaron porque non quieron que os informaramos”.A portavoz socialista lamenta que “unha vez máis a incompetencia e a ignorancia do señor Dafonte o levan a culpar da situación aos veciños, cando está claro que foi un erro seu na xestión deste tema, por desinformado e por agocharlle á veciñanza que hai un ano un técnico municipal fixera un informe favorable á instalación da planta e que levaba meses ocultando a información sobre os trámites que a empresa estaba levando a cabo para instalar esa planta”.

Actitude ditatorial

A sesión Plenaria desenvolveuse nun ambiente de tensión por parte do Grupo de Goberno, que mesmo chegou a faltarlle ao respecto aos concelleiros socialistas e a prohibirlle ao concelleiro do BNG a presentación das súas preguntas. “Dafonte está a actuar coma un ditador e cunha total falta de respecto cara a oposición, cortando as intervencións dos concelleiros socialistas e impedindo falar ao voceiro do BNG”, apunta Beatriz Domínguez, quen celebra que “as persoas que asistiron ao pleno ou que o segan a través das redes sociais se decaten de que clase de alcalde temos, que nos medios ala de traballo enre partidos peo na realidade impide o exercicio de calquera actividade da oposición”.

Unha das preguntas que máis enfadou ao alcalde foi a do grupo socialistas sobre o despido das asesoras xurídicas do Concello de Trazo. “O despido fíxose baixo os criterios dunha presunta incompetencia por parte destas profesionais e polo custo económico do servizo, cando agora se contrata a outro profesional polo tripo de prezo”, denuncia Beatriz Domínguez. Así, o Concello de Trazo terá que aboar máis de 20.000 euros +Ive ao novo avogado fronte aos pouco máis de 8.000 euros que cobrará o novo asesor xurídico. “Non entendemos que criterio que pode utilizar para rexeitar un servizo por caro e logo adxudicarllo a alguén case polo triplo, salvo que fose por unha cuestión de amiguismo”, indica Domínguez Siaba, quen sinala que “non ten sentido que un Concello pequeño como Trazo gaste 20.000 euros anuais, cando un municipio catro veces maior como é Ordes licita ese mesmo servizo por 25.000 euros”.

Rexeitamento a mocións

Finalmente, os socialistas lamentaron que o PP se opuxera á aprobación de aspectos beneficiosos para a veciñanza de Trazo como a descentralización das actividades culturais ou a aprobación de bonficiacións para os afectados polo procedemento da regularización catastral impulsada polo ministro Montoro. De feito, o PP tan só aprobou unha moción do BNG en defensa dos pensionistas retornados, na que se lle esixía ao Goberno que se aplique o mesmo réxime de IRPF ás rendas dos pensionistas independentemente de onde cobre as súas pensións.

“Os socialistas lembrámoslle a súa inacción total cando estalou este caso e que foi o PSOE quen propiciou a posta en marcha dunha Plataforma comarcal en Ordes, que agora está fusionada coa da Costa da Morte, para defender aos nosos pensionistas retornados”, explica Domínguez Siaba, quen se amosa convencida de que “se Dafonte votou a favor desta moción foi porque estaban representantes da Plataforma no Pleno”.